miércoles, 10 de octubre de 2012

Este venres o Teatro do Astracán chega á Estrada

O vindeiro venres 12 de Outubro a compañía escénica "Teatro do Astracán" chega ó Teatro Principal da Estrada, dentro da Programación Cultural de Outono do concello estradense.

A compañía representará "Ladrón e Familia", unha peza teatral baseada na obra "Non hai ladrón que por ben non veña" do gran dramaturgo Darío Fó. Ademais a montaxe está dirixida por un dos grandes da escena teatral galega: Evaristo Calvo.

Na Estrada estará todo o elenco da compañía, formado por Pedro Brandariz, Fran Campos, Saleta Fernández, Abrahán Sande, Alberte Torres e Rogelia dos Outeiros.

A cita será ás 21:00 e os billetes xa se poden mercar por un simbólico prezo de 3 euros.

Para máis información e contratación pódese chamar ó 619.345.100 ou escribir un correo electrónico a teatrodoastracan@gmail.com


sábado, 11 de agosto de 2012

O Teatro do Astracán aterriza na Cañiza

O vindeiro 18 de Agosto ás 21:30 na Casa da Cultura da Cañiza a compañía Teatro do Astracán representará o seu espectáculo "Ladrón e Familia".

A montaxe, dirixida polo recoñecido actor e director Evaristo Calvo, ten un elenco de seis actrices e actores formado por: Pedro Brandariz, Fran Campos, Saleta Fernández, Rogelia dos Outeiros, Alberto Torres Abrahán Sande. Pola súa banda a dirección artística corre a cargo de Francisco Rei.


martes, 8 de mayo de 2012

O Teatro do Astracán ofrece un segundo pase en Cuntis

Despois da gran estrea de "Ladrón e Familia" no Auditorio Municipal Patelas de Cuntis o pasado 22 de Abril no que unhas duascentas persoas ateigaron o teatro, a compañía Teatro do Astracán regresa ó mesmo espazo para permitir que deceas de persoas que quedaron sen entrada no pasado mes de abril poida desfrutar da montaxe.

Debido á gran demanda para ver o espectáculo a compañía decidiu ofrecer unha nova representación este domingo 13 de maio, ás 21:00. 

Entretanto o espectáculo vai percorrendo toda a xeografía galega, de feito a últim parada foi en A Laracha.


viernes, 20 de abril de 2012

Os tempos son chegados. ESTREA de "Ladrón e Familia" de Teatro do Astracán

Despois dun longo tempo de creación, adaptación e ensaios, a nova compañía Teatro do Astracán presenta de maneira pública o resultado de varios meses de traballo, a producción “Ladrón e Familia”.


Trátase dun espectáculo de comedia 100%, comedia de enredo, onde o divertimento e as risas están aseguradas.


O elenco está formado por seis actrices e actores, algúns moi coñecidos no panorama escénico galego e outros emerxentes. Concretamente son: Pedro Brandariz, Fran Campos, Saleta Fernández, Rogelia dos Outeiros, Alberte Torres e Abraham Sande.


A dirección artística corre a cargo de Francisco Rei, experimentado actor e director de montaxes de comedia, clown …


A estrea será o domingo 22 de abril no Auditorio “Patelas” do Concello de Cuntis que seguramente quedará pequeno para acoller a todo o público que asistirá. De feito a venda de entradas (a 3 euros) vai a moi bó ritmo polo que agardase que sexa unha estrea cun gran respaldo do público.


martes, 20 de marzo de 2012

Úlrimos ensaios de "Ladrón e Familia" de Teatro do Astracán


As actrices e actores da compañía Teatro do Astracán entran na última fase de ensaios do seu primeiro espectáculo “Ladrón e Familia”, un espectáculo onde o principal ingrediente é a comedia. 

Segundo as palabras das e dos componentes o proceso de adaptación da obra orixinal de Darío Fó (Non hai ladrón que por ben non veña) está sendo moi creativo, e sobre todo moi divertido, polo cal o resultado vai ser un espectáculo de “moitas risas”.

Os ensaios estanse a desenvolver principalmente no Auditorio Patelas do Concello de Cuntis, a través da colaboración da Escola Artística de Cuntis. Pero xa queda pouco porque o “flamante espectáculo” será estreado no próximo mes de abril.

Aínda que informaremos de todas as datas que xa teñen confirmadas, tamén comunicamos que está aberto o período de contratación. Para máis información sobre a contratación podedes chamar ó 981.582.836 ou escribir un correo electrónico a info@culturactiva.org

domingo, 22 de enero de 2012

Ladrón e Familia, o espectáculo


Ladrón e Familia é unha adaptación de Teatro do Astracán de Non Hai Ladrón Que Por Ben Non Veña do dramaturgo italiano Darío Fo, Premio Nobel de Literatura de 1997.

Primeiro espectáculo desta compañía de recente creación que quere ser unha tarxeta de presentación do estilo que pretendemos desenvolver: un humor fresco, sinxelo e moi directo, principalmente comedia de enredo.

Ladrón e Familia é un espectáculo cómico a partir dos conflictos que se desenvolven na casa dun matrimonio acomodado cando se atopan cun ladrón un chisco torpe no salón da súa casa. Maridos, mulleres, as súas amantes, ciumes e malentendidos son os ingredientes deste menú de enredo no que nada é o que semella. Os líos amorosos dos nosos protagonistas, as medias verdades, as mentiras, as visitas inoportunas, as falsas apariencias e as múltiples referencias cinematográficas e televisivas aportan aínda máis comicidade a unhas situacións xa de por si cómicas por ridículas e, sobre todo, comprometidas.

Todo elo presentado por unha serie de personaxes aloucados e desquiciados, clásicos pero tamén moi actuais, cunha alta dose de autoparodia e cos que o público se sinte moi identificado. 




Teatro do Astracán, a compañía


TEATRO DO ASTRACÁN nace a partir do traballo desenvolvido por Francisco Rei ao fronte da Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis. Tras sete anos de formación continuada, diversos monográficos en técnicas básicas como improvisación, clown, interpretación dramática ou movemento escénico e seis montaxes teatrais amadores, parte dos alumnos e alumnas dos grupos adulto e xuvenil da devandita Escola de Teatro deciden dar un paso cara a súa profesionalización dentro da escena galega e irrompen con forza e ilusión con esta súa primeira producción cómica.

Francisco Rei é o director artístico de Teatro do Astracán. É membro de Os Sete Magníficos máis Un, Produccións Acontrabutaca e Bagunça Teatro e monitor teatral especializado en clown. Con estas compañías e desde 2001 ten participado en 15 espectáculos profesionais. Como mestre, é responsábel da Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis desde 2004 e da Aula de Teatro Municipal de Teo desde hai catro anos. Ademais, imparte regularmente cursos de iniciación ao clown.

Para esta primeira produción contouse coa dirección de Evaristo Calvo, recoñecido director, actor e dramaturgo da escena galega e estatal contemporánea. 50% de Mofa e Befa, promotor de Producións Excéntricas, presente na maioría das producións audiovisuais galegas ...

O elenco deste espectáculo está encabezado polo actor, clown, cómico e contacontos Pedro Brandariz, membro de Os Sete Magníficos máis Un, habitual de espazos televisivos como Luar ou a teleserie Para Mariñeiros Nós, presentador da última gala dos premios María Casares e cunha ampla experiencia como monologuista.

Saleta Fernández e Fran Campos, formados na Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis, participaron en Co Voso Conto, espectáculo para público xuvenil en torno á prevención da drogodependencia. Fran Campos é actor da compañía Acontrabutaca (Frantasmas), mologuista cómico e ten participado en diversas series e programas de televisión, como Luar ou Libro de Familia.

Completan o reparto Rogelia dos Outeiros, Alberte Torres e Abrahán Sande, igualmente alumnos e alumnas da Escola de Teatro da Asociación Artística de Cuntis que xa contan cumpla ampla traxectoria no circuito teatral non profesional galego.